ESTUDOS, PLANS E AVALIACIÓNS
Desde 2005 ofrecemos servizos de consultoría e asesoramento técnico para as Administracións públicas e organizacións sociais nas áreas de socioloxía e urbanismo, comprendendo a realización de Estudos, Plans e Avaliacións de necesidades e demandas sociais, de políticas e servizos públicos.
A nosa actividade profesional pretende xerar un asesoramento útil e adaptado a cada cliente, para potenciar a eficacia e eficiencia, a adecuación e idoneidade dos seus recursos, obxectivos e liñas de actuación, así como a súa imaxe e impacto social positivo, dentro dunha realidade sociocultural, económica e política tan complexa e cambiante como é a actual etapa histórica da posmodernidade e globalización.
METODOLOXÍA EMIC-ETIC
A denominación da Consultora responde o propósito de desenvolver unha actividade profesional baseada nos enfoques Emic e Etic, nun dobre sentido:
a) A análise de consultoría (etic) require coñecer as opinións, actitudes e prácticas dos suxeitos o actores (emic) que participan na realidade obxecto de estudo, o que posibilita a 'subxectividade obxectivada'.
b) E os métodos cuantitativo (etic) e cualitativo (emic) son diferentes pero complementarios, potenciando a súa utilización conxunta unha comprensión holística e un coñecemento sistémico e máis profundo dos fenómenos e feitos, dos actores e relacións, e doutros aspectos pertinentes da realidade que investiguemos, xeralmente de natureza complexa e cambiante.
PARADIGMA DA COMPLEXIDADE
A metodoloxía Emic-Etic inscríbese dentro do paradigma da complexidade. Seguindo a Edgar Morin, vivimos baixo o imperio do 'paradigma da simplificación' baseado nos principios de disxunción / redución / unidimensionalización, pero para coñecer e actuar nunha realidade tan complexa e cambiante como é a actual necesitamos do pensamento e paradigma da complexidade, que nos permite distinguir sen desarticular, asociar sen identificar, fragmentar ou reducir a realidade. En suma, coñecer e actuar sen 'mutilar' o obxecto de estudo.
Polo demais, seguimos a máxima ou norma investigadora de William F. Whyte: "O que a xente me dixo, axudoume a explicar o que sucedera e o que eu observei axudoume a explicar o que a xente me dixo".
CONSULTORA EMIC-ETIC SL
A nosa actividade profesional desenvolveuse nas seguintes áreas de coñecemento e actuación:
EMIC
Método e Técnicas Cualitativas
- Documental de fontes secundarias escritas e audiovisuais.
- Observación directa e participante.
- Entrevistas abertas: en profundidade, enfocadas e semi-directivas.
- Entrevistas abertas pluripersoais.
- Historias de vida.
- Mini-grupos de discusión.
- Grupos de discusión.
- Grupos participativos.
- Grupos e análise Delphi.
- Grupos e análise DAFO.
- Análise sociolóxica estrutural-cualitativa dos relatos e discursos sociais e doutros datos cualitativos.

ETIC
- Documental de fontes secundarias estatísticas.
- Enquisas presenciais e a domicilio.
- Enquisas telefónicas (CATI).
- Enquisas por correo electrónico @.
- Enquisas electrónicas en liña (mediante web, intranet ou similar).
- Análise sociolóxica distributiva-cuantitativa de datos e indicadores cuantitativos.

EMIC-ETIC Metodoloxía complexa, plural e integral
- Investigación cualitativa e cuantitativa
- Análise de Redes Sociais (ARS)
- Investigación-Acción Participativa (IAP)
